A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”, que, logo de pasar con enorme éxito pola cidade de Santiago e o Concello de Lalín, recala agora en Madrid, onde permanecerá ata o 28 de febreiro. Esta mostra enmárcase dentro dos actos de homenaxe da Real Academia Galega de Ciencias ao Científico Galego de 2024. A exposición realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín. Esta iniciativa completarase cunha conferencia do catedrático da USC Francisco Díaz-Fierros o vindeiro 17 de febreiro.
Ao acto de inauguración asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila; o académico da RAGC Juan José Nieto; ademais do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos. Na súa intervención, Ramos destacou que “dous séculos despois, recuperamos a memoria do primeiro científico galego que tivo unha dimensión internacional”.
O matemático José Rodríguez (Bermes, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) foi un adiantado da súa época, o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional, cun perfil liberal e modernizador. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía; mantendo contactos cos científicos europeos de referencia en cada unha destas disciplinas. Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro, pódese albiscar a súa enorme relevancia.