A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron o acto de entrega dos “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”, que tivo lugar no Centro Obra Social ABANCA, en Santiago, e se retransmitiu en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada foi Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; en Ciencias Técnicas distinguiuse a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento correspondeu a Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.

No evento participaron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director da ACSUG, Eduardo López; e representantes doutras entidades políticas, culturais e académicas galegas.

O presidente da Academia manifestou o seu optimismo en canto á evolución da investigación en Galicia, xunto á forza da ciencia en feminino

Na súa intervención, Juan Lema declarou que “con estes premios tratamos de visualizar e impulsar a carreira das investigadoras e investigadores con maior proxección e que liderarán a investigación nos vindeiros anos en Galicia”. Nesta liña, salientou que “os currículos das máis das 60 candidaturas presentadas son realmente brillantes e permiten ser moi optimistas en canto á evolución da investigación na nosa comunidade. Ademais, o resultado desta primeira convocatoria é unha proba evidente da forza da ciencia en feminino”.

Pola súa parte, Miguel Ángel Escotet declarou que “estes premios constrúense coa intención de recoñecer e fomentar o traballo das persoas investigadoras máis novas, promovendo o coñecemento científico”. Dirixiuse así ás premiadas: “Queremos darvos ás para a viaxe da vida e estimular a vosa postura de acción transformadora, que é inherente á propia investigación e implica un fondo talante de actitude de cambio e de mellora. No voso traballo hai unha boa dose de ética, de xenerosidade, de achega ao ben de todos, de ilusión, de resiliencia e de cooperación. Douvos por todo iso os meus máis sinceros parabéns e desexo que non cedades no voso empeño de continuar investigando e soñando”. En relación á necesidade de visibilizar as mulleres investigadoras, fixo énfase no feito de que nesta edición concorreron 63 candidaturas, das cales 24 foron investigadores e 39 investigadoras, e o xurado resolveu recoñecer o traballo de sete mulleres. “Parece que algo comeza a xirar nesta segunda década do século XXI”-remarcou-.

Share This