O académico e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro recibiu o premio “Galego do Ano 2024” de El Correo Gallego, no apartado de Ciencia e Investigación. O xurado distinguiuno “por liderar de maneira incansable a investigación e transferencia de coñecemento en Intelixencia Artificial desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, da que foi reitor entre 2002 e 2010”.
No evento de entrega de premios, o homenaxeado puxo de manifesto a importancia de apoiar a educación e a universidade públicas. “Non é só unha cuestión de xustiza social, senón de maior progreso colectivo” -salientou-.