A mostra “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”, centrada na figura do Científico Galego de 2024, pode visitarse estes días na vila natal do homenaxeado, Lalín, logo do seu exitoso paso por Santiago de Compostela. Permanecerá no Concello lalinense ata o vindeiro 28 de xaneiro. A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín.
O Concello de Lalín acolleu ademais a presentación do libro “José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime”. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre.