O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta da Galicia decidiu outorgar, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger á académica da RAGC María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela. Este galardón recoñece o labor de Loureiro na investigación sobre a enerxía, a economía ambiental e agrícola.
María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola USC e doutora pola Washington State University. Así mesmo, foi profesora titular na Colorado State University e na Universidad Carlos III de Madrid.
Este galardón busca recoñecer o seu labor no ámbito da investigación, no que conta con traballos, entre outros, sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige e que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Ademais, nestes intres traballa nun proxecto sobre a Economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España.
A Unidade da Muller e da Ciencia destacou tamén que María Loureiro forma parte da Real Academia Galega de Ciencias desde 2022, sendo a primeira muller académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais. Ademais, a Xunta salienta que o seu traballo a convirte nunha das científicas máis influentes do mundo.
O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde 2007 a través da Unidade da Muller e Ciencia. Leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.