Salientou que se require dun consenso entre os gobernos central e autonómicos e a comunidade universitaria para crear unhas bases sólidas para a investigación científica en España

Na actualidade é xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación

A RAGC celebrou no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de José Manuel Fernández de Labastida (Madrid, 1958) como académico correspondente da institución. O catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago e actual xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación (ERC) pronunciou o seu discurso de ingreso co título “De la investigación a la política científica: una mirada polifacética a la ciencia”. Realizou a laudatio en nome da RAGC o académico de honra Carlos Pajares.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos e académicas, así como a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, Carlos Salgado; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado; o responsable de I+D do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, Daniel Torrecilla; ou a directora do Centro Oceanográfico de Vigo, Rosa Figueroa; xunto a outros representantes de institucións políticas, científicas, económicas, empresariais, culturais e académicas galegas e familiares do homenaxeado.

Unha forte conexión coa ciencia galega

O presidente deulle a benvida ao novo académico, do que salientou que “ten contribuído dun xeito excepcional tanto á creación de coñecemento como á promoción da investigación mediante programas ambiciosos e dinamizadores”. Así, puxo de relevo que “o profesor Labastida mantivo sempre unha moi forte conexión coa ciencia galega e o seu papel na xestión da promoción científica en España e en Europa foi de enorme importancia”

Labastida, de investigador a xestor no ámbito da política científica

No seu discurso, Labastida reflexionou sobre a ciencia a través dunha viaxe pola súa traxectoria profesional, destacando a importancia da colaboración e a competición como factores esenciais para o avance científico. “La colaboración facilita el intercambio de ideas y recursos, mientras que la competición estimula la creatividad y el trabajo arduo” -indicou-. Nesta liña, afondou na súa experiencias no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton e no CERN de Xenebra, mencionando así mesmo a relevancia da ética na ciencia.

O novo académico narrou como, tras formar parte do equipo docente da Universidade de Santiago, comezou a asumir responsabilidades na xestión académica, en particular como director do departamento de Física de Partículas, decano da facultade de Física e director da Escola de Posgrao. Explicou como nesta universidade centrou a súa investigación nas teorías cuánticas de campos topolóxicas, salientando que este eido representa un bo exemplo de como a interdisciplinariedade é un elemento importante para o progreso da ciencia.

O físico referiuse á súa transición de investigador a xestor, ocupando postos de responsabilidade en Ministerios de Ciencia -entre 2009 e 2010 foi director xeral de Investigación e entre 2008 e 2009 secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Ciencia e Innovación- e no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), organismo do que foi vicepresidente de Investigación Científica e Técnica. “Estas experiencias me permitieron contribuir al avance de la investigación en España” -manifestou-. En relación a este aspecto declarou a “importancia de tener gestores con experiencia investigadora en el ámbito de la política científica”.

Dedicado xa por completo á xestión da ciencia, Labastida puxo de relevo a súa traxectoria europea, en particular o seu papel no Consello Europeo de Investigación (ERC), do que foi o primeiro responsable do seu departamento científico. “Esta experiencia me proporcionó una visión global de la ciencia y me permitió comparar diferentes contextos, reafirmándome en el enorme valor de la investigación guiada por la curiosidad para el avance del conocimiento”.

O homenaxeado concluíu o seu discurso facendo un chamamento a “una mayor y mejor inversión en ciencia y en educación en España”. Así, lembrou que “la inversión pública española en investigación y desarrollo está por debajo de la media europea” e manifestou que “las universidades deberían tener incentivos para seleccionar a los investigadores más competitivos independientemente de su origen. Se requiere del consenso de los gobiernos central y autonómicos y también de la comunidad universitaria. Si superamos con éxito este reto estaremos pavimentado unas bases sólidas para la investigación científica en España”.

Carlos Pajares, académico: “Traballou sempre por mellorar a investigación de Galicia e da Universidade de Santiago”

O académico de honra da RAGC Carlos Pajares realizou a laudatio do novo membro da institución, ao que se referiu como “investigador destacado e magnífico director de Política Científica”. Sinalou que “como investigador fixo importantes contribucións amplamente recoñecidas, algunhas en colaboración con destacadas figuras do campo e publicadas nas mellores revistas da especialidade. Na dirección de Política Científica, tanto na USC como no CSIC, no Ministerio de Ciencia e Innovación, na Comision Europea e na European Research Council, realizou un traballo que marcou un camiño e unha traza a seguir”.

En relación á implicación de Labastida na xestión e dirección de Política Científica, Pajares salientou que formou parte do equipo responsable de poñer en marcha as axudas Ramón y Cajal, así como o seu labor como presidente dos grupos de traballo que realizaron o anteproxecto da Lei de Ciencia. Concluíu manifestando que “sempre levou na súa cabeza a Galicia e á Universidade de Santiago, traballando pola mellora da súa investigación. A súa incorporación á RAGC engádelle máis prestixio á nosa institución”.

Share This