No marco das “Xornadas conmemorativas do Seminario de Estudos do Deza”, dedicadas a persoeiros ilustres na historia dezá, celébrase unha xornada centrada na figura do lalinense Matemático Rodríguez, “Científico Galego do Ano”. Será esta tarde no Museo Municipal Ramón María Aller, ás 21:00 horas.
No transcurso da xornada, vai impartir unha conferencia a investigadora Carmen Villanueva, licenciada en Química pola Universidade de Santiago e doutora en Física Aplicada. Presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo en 2023 sobre o matemático Rodríguez, co título “José Rodríguez González (1770-1824), matemático, geodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico por Europa”. Dirixiuna o catedrático de Astronomía José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, quen tamén abordará a relevancia do científico lalinense.
Carmen Villanueva: “Nunha carta enviada á USC, Rodríguez laméntase de que os descubrimentos científicos que se facían no estranxeiro non chegaran a España”
A investigadora salienta que “en 1803, dous anos despois de gañar a cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago e próximo a cumprir 33 anos, José Rodríguez viaxou a París co obxecto de ampliar estudos. A súa estancia na capital francesa -ata 1806- foi transcendental para a súa formación científica”. Indica que ao ano seguinte conseguiu unha bolsa do Goberno para ampliar estudos en Inglaterra, onde residiu ata 1812. En 1814, despois de pasar dous anos á fronte da súa cátedra compostelá, volveu ao estranxeiro, esta vez a Alemaña, onde estudou Mineraloxía na prestixiosa Escola de Minas de Freiberg.
“Sen dúbida, estes anos pasados en Francia, Inglaterra e Alemaña, países punteiros en materia científica e nos que se estaban levando a cabo grandes progresos en todos os campos, foron os que fixeron de José Rodríguez o sabio que foi. O coñecemento doutras sociedades e culturas determinou a súa actitude aberta e moderna, fronte a unha España atrasada e pouco disposta a aceptar as novas ideas” -sinala Villanueva-.
Tal como lembra a experta, nunha carta remitida á Universidade de Santiago que aínda se conserva, Rodríguez manifesta a súa dor porque os adiantos e descubrimentos científicos que se facían no estranxeiro non adoitaban chegar a España, e polo feito de que non houbese universidades que fomentasen as ciencias, tal como sucedía noutros países europeos. Así, el amosou a necesidade de trasladar eses coñecementos á súa patria, para que os mozos puidesen acceder a eles e desa forma contribuír ao progreso do país.
“Desde que en 1803 saíu cara a París, Rodríguez iniciou unha andaina tanto persoal como científica que ampliou os seus horizontes ata extremos inimaxinables para alguén que nacera nunha pequena aldea do interior de Galicia. Cunhas ganas inmensas de aprender e de traer ao seu país o coñecemento e os avances científicos que se estaban a producir naquela Europa de principios do século XIX, fixo todo o que estivo na súa man para contribuír a iso” -manifesta a investigadora-.
José Ángel Docobo: “Podemos imaxinalo de neno escrutando os ceos de Deza desde o monte do Carrio, ao carón do seu Bermés natal”
O catedrático José Ángel Docobo apunta que “sendo a súa traxectoria vital de científico completo, observador meticuloso, naturalista e, sobre todo, matemático, xeodesista e astrónomo, podemos imaxinar a José Rodríguez xa de neno escrutando os ceos de Deza desde o monte do Carrio, ao carón do seu Bermés natal, cen anos antes de que o insigne astrónomo Ramón María Aller Ulloa iniciase tamén en Lalín a investigación astronómica en Galicia” O experto pon de relevo que “a astronomía formou parte das preferencias académicas de Rodríguez e non só desde o punto de vista da observación. Proba diso é que, cando fixo a primeira viaxe a Francia, ademais de establecer contactos directos cos profesionais do prestixioso Observatorio Astronómico de París, tamén quixo afondar nos fundamentos desta rama da ciencia”.