Juan Lema, presidente da Academia, defíneo como “un liberal inquieto e modernizador, comprometido co avance da ciencia en España”  

No acto entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos galegos

A RAGC celebrou hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) como ‘Científico Galego do ano 2024’, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. Ao evento asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral da Lingua; Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; Elena Vázquez, do Consello da Cultura Galega; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; e o historiador de Lalín Daniel González; así como académicas e académicos da RAGC, familiares do Matemático Rodríguez e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

O presidente da Academia salientou que Rodríguez foi “un neno labrego que, a base de esforzo e dun talento excepcional, transformouse nun catedrático admirado, no primeiro científico de Galicia”. Referiuse a el como “un científico internacional e un liberal inquieto e modernizador”. Puxo de relevo que “foi, probablemente, o primeiro científico galego en atinxir unha dimensión internacional, unha persoa infinitamente curiosa, ávida de coñecer novos campos e comprometida co avance da ciencia en España”. Indicou que as súas prolongadas estadías en Francia, no Reino Unido e en Alemaña, o epicentro da ciencia nos séculos XVIII e XIX, permitíronlle manter un contacto directo co pensamento ilustrado e as ideas liberais, en completo contraste coas inmobilistas imperantes en España. “Resulta infrecuente atopar nos científicos españois en xeral e galegos en particular da época un interese tan grande por establecer e manter conexións coa comunidade científica internacional en ámbitos tan diferentes como as matemáticas, a xeodesia, a astronomía, a cristalografía ou a mineraloxía”  -apuntou o presidente-.

Durante o evento proxectouse un vídeo no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado. E presentouse a revista da Academia “A Ciencia en Galicia”, dedicada neste número a Rodríguez, e na que se recolle ademais a principal actividade da Academia e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.

Francisco Díaz-Fierros: “Foi un sabio de sona internacional”

Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, impartiu a conferencia “José Rodríguez González, o sabio de Bermés”. Na súa intervención lembrou que Rodríguez naceu en Bermés (Lalín) en 1779. Relatou que “aos 31 anos xa era catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago e en 1803 marcha para ampliar estudos a París. Desde alí pasou a integrar a comisión franco-española que debería colaborar na medida do arco de meridiano Barcelona-Mallorca, coa que se completaría a definición do metro como unidade de medida. Continuou a súa estadía no estranxeiro, en Inglaterra, onde corrixiu as medidas xeodésicas de Mudge, dando orixe a unha controversia internacional. Posteriormente, en Alemaña, Suíza e Italia tivo relacións con científicos do talle de Werner e Gauss”.

O catedrático destacou que en París recibiu de Haüy, fundador da cristografía moderna, unha importante colección de modelos cristalográficos, que na actualidade é unha das xoias do patrimonio da Universidade de Santiago. De novo en España, durante o trienio liberal, foi nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid e deputado nas Cortes españolas, postos que deixou coa chegada dos políticos absolutistas en 1822. De volta a Galicia, morre en Santiago, en 1824.

“Sabio, de sona internacional, ao que lle foron ofrecidos postos relevantes desde Arxentina e Rusia, é considerado o introdutor da ciencia moderna na Universidade de Santiago e tamén en Galicia” -manifestou Díaz-Fierros-.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

Entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano foron, nasección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (Vigo), referente internacional en patoloxía de organismos mariños, especialmente moluscos. Santiago Lago, considerado un dos economistas máis influentes de España no ámbito da economía pública, recibiu a medalla dasección de Ciencias Económicas e Sociais;asesor de organismos internacionais como o Banco Mundial ou a OCDE, ten participado no deseño de políticas públicas en España e Galicia e colaborado con distintos gobernos na implantación de políticas fiscais e económicas. Pedro Arias, catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da Universidade de Vigo, foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicaspolo seu traballo coa xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. A medalla dasección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, entregóuselle ao catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC Alberto Bugarín, que centra a súa investigación en diferentes áreas da intelixencia artificial como a xeración de linguaxe natural. O catedrático Diego Peña, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía, por abrir unha nova área de investigación en Química Orgánica, tratando de resolver problemas químicos mediante a combinación da química e a ciencia de superficies, manipulando moléculas individuais.

Share This