O congreso ‘Symmetry and shape’, que se desenvolve na facultade compostelá de Matemáticas, rendeulle homenaxe ao e académico da RAGC Eduardo García Río. O catedrático ten desenvolto boa parte do seu labor investigador no campo da xeometría diferencial.
García Río obtivo o seu doutoramento en 1992 pola Universidade de Santiago de Compostela, universidade na que é profesor titular desde 1994, e catedrático desde 2010. Foi profesor visitante nas universidades de Cornell (Estados Unidos) e Kyoto (Xapón) e é autor de máis de 130 artigos en recoñecidas revistas de matemáticas e física matemática, así como de 7 monografías. Ten máis de 40 coautores e dirixiu 12 teses de doutoramento.
Os seus traballos no campo da xeometría semi-riemanniana abriron importantes liñas de investigación, habitualmente coa curvatura como pano de fondo, e constitúen referencias básicas nesta área. Na súa traxectoria investigadora son salientables as súas achegas para a resolución da conxectura de Osserman, os seus estudos sobre distintas xeralizacións das variedades Einstein, combinando técnicas alxébricas con outras propias da xeometría riemanniana e a análise xeometrica, ou os seus traballos en variedades con distintos tipos de estruturas complexas.
Ademais, é editor de dúas destacadas revistas de matemáticas, o Journal of Geometric Analysis e Differential Geometry and its Applications, e foi membro do panel de Matemáticas da Axencia Estatal de Investigación durante catro anos. Desde 2023, é Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.