O académico Ángel Carracedo vén de recoller o Premio 2024 á Traxectoria Internacional no ámbito do dereito á saúde da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), en Santander. Ademais do homenaxeado, no evento participaron o reitor da UIMP, Carlos Andradas; o conselleiro de Saúde do Goberno de Cantabria, César Pascual; e o director de Xestión de IDIVAL (Instituto de Investigación Sanitaria Marqués de Valdecilla), Galo Peralta, que foi o encargado de pronunciar a laudatio.
Este galardón ten vocación de distinguir figuras de relevancia investigadora internacional. “Los méritos contraídos por el profesor Ángel Carracedo le hacen merecedor de este reconocimiento” -salientaron as entidades impulsoras do premio-, que puxeron de relevo a súa contribución ao fomento dunha cultura de investigación en saúde de excelencia e innovación.
O homenaxeado, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica-SERGAS e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, ofreceu unha conferencia maxistral baixo o título “Xenómica e Medicina de precisión ante a nova realidade dixital”, na que abordou a evolución e novidades do compoñente xenético.
O labor de Carracedo inclúe a dirección do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde 2002 e a súa participación en diversas redes de investigación biomédica. Ademais das súas aportacións á xenética forense e de poboacións, ten liderado avances significativos en xenética clínica, destacando o Programa Cohorte en Cantabria con 40.000 voluntarios, como exemplo da Medicina personalizada. A súa investigación recente céntrase na xenética de trastornos psiquiátricos e outros rasgos mendelianos e complexos.