A RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Nesta décima edición recibíronse un total de 30 propostas para as dúas categorías do certame. Os dous traballos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Unha tecnoloxía con impacto nos ámbitos da alimentación humana saudable e funcional, medicina e saúde, e o desenvolvemento de téxtiles intelixentes
O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de desenvolvemento de novos materiais e tecnoloxías en estado sólido para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros, eficientes e sostibles. É un proxecto de investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, liderados por María Antonia Señarís.
Tal como destaca o equipo, “a evidente aceleración do cambio climático e a crise enerxética actual urxen a descarbonización de sectores como o da calefacción, refrixeración, ventilación e aire acondicionado; que na actualidade contribúe a máis do 8% da emisión de gases de efecto invernadoiro e representa en torno ao 20% do consumo de enerxía eléctrica mundial. Os sistemas de refrixeración comercial máis estendidos baséanse na compresión de vapor de gases refrixerantes, na súa maioría compostos fluorados con potenciais de quecemento global moi grandes. Por iso, outros refrixerantes como hidrocarburos, amoníaco ou o dióxido de carbono propóñense como alternativas máis ecolóxicas; aínda que os hidrocarburos son compostos inflamables estritamente controlados e o amoníaco é una substancia tóxica e corrosiva”.
Os investigadores explican que “neste contexto, cobra moito interese o desenvolvemento de novos sistemas que empreguen refrixerantes sólidos en vez de fluídos, que non poden escapar á atmosfera e, por tanto, eliminan as emisións directas de gases de efecto invernadoiro. Ademais, son máis fáciles e seguros de transportar e manipular, máis doados de recuperar e reutilizar, ao seren máis compactos aforran espazo nas instalacións e durante o transporte, e melloran a eficiencia enerxética dos dispositivos resultantes”. Algúns destes materiais desenvoltos polo equipo xa están protexidos por unha patente.
Os membros do grupo salientan que, no caso de Galicia, a refrixeración e a calefacción son especialmente relevantes en sectores estratéxicos como a industria alimentaria, o transporte e a mobilidade sostible, aeroespacial, infraestruturas baseadas en enerxías sostibles como as turbinas eólicas, o sistema sanitario, a industria naval, a téxtil, ata a cultura e o lecer. “Velaí a necesidade imperiosa de desenvolver novas tecnoloxías de refrixeración alternativas que sexan economicamente accesibles, enerxeticamente eficientes e respectuosas co medio. Neste sentido, a nosa tecnoloxía pode impactar moi positivamente en ámbitos prioritarios como a alimentación humana saudable e funcional, medicina e saúde, e o desenvolvemento de téxtiles intelixentes” -manifestan-.
Ademais, o equipo ideou un dispositivo capaz de aproveitar a presión das pisadas ao camiñar para transformar esta forza en efectos de refrixeración e quentamento, “o que resulta moi interesante para deseñar chans autorefrixerantes coas pisadas das persoas, zapatillas para mellorar o confort térmico persoal e o rendemento deportivo, ou mesmo pantallas táctiles para arrefriar os dispositivos electrónicos” -apuntan-.