A localidade leonesa de Carrizo de la Ribera rendeulle homenaxe á súa filla máis ilustre, a académica María José Alonso, en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional dedicada á investigación científica en Medicina e Farmacoloxía.
Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela, traballou na Universidade de París-Sur, na de Angers e no Instituto Tecnolóxico de Massachussets. O seu laboratorio foi pioneiro en España en Nanomedicina, participando en consorcios internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde, a Fundación Bill e Melinda Gates, o Instituto da Saúde americano, o Instituto da Saúde Canadense e a Comisión Europea. Publicou máis de máis 300 artigos científicos, conseguiu 23 patentes e promocionou tres empresas. Foi clasificada entre os 10 mellores do ranking mundial de Farmacoloxía pola calidade dos seus traballos.
Entre os seus máis de 50 galardóns, destacan o Premio Nacional Juan da Cierva, a Medalla ao Mérito na Investigación e na Educación Universitaria, e o Jaume I de Novas Tecnoloxías. É membro de cinco academias: a Real Academia Nacional de Farmacia, a Real Academia de Farmacia de Galicia, a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia de Medicina de Bélxica e a Academia de Medicina de Estados Unidos, da que só dous españois residentes en España gozan de tal distinción. Ademais, é Doutora Honoris Causa pola Universidade de Nottigham.
Foi vicerreitora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (2006-2010) e presidenta da sociedade científica internacional máis importante no seu ámbito. Asesorou ao Ministerio de Ciencia e Innovación e é membro do Consello Reitor da Axencia Estatal de Investigación.
Desde o pasado mes de marzo, o Instituto de Educación Secundaria de Carrizo de la Ribera leva o seu nome.