Antón Costas Comesaña

Catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona   

Antón Costas Comesaña graduouse primeiro como enxeñeiro técnico industrial na Universidade de Vigo, para licenciarse posteriormente en Economía na Universidade de Barcelona, onde se doutorou. Na súa tese de doutoramento interesouse polo pensamento e a política económica liberal do século XIX. Foi profesor titular de Política Económica da Universidade de Barcelona e, desde 2005, é catedrático de Política Económica da UB.

Os seus intereses enfócanse nos procesos de formación das políticas públicas e, de xeito particular, nos procesos de reforma económica. Os seus libros e ensaios recentes analizan as crises económicas, o futuro do capitalismo e a democracia, así como a necesidade dun novo contrato social centrado nos bos empregos. Entre as súas publicacións destacan La crisis de 2008: de la Economía a la Política y más allá (2010); La Torre de la arrogancia. Políticas y Mercados después de la crisis (2013); El final del desconcierto. Un contrato social para que España funcione (2018); La nueva piel del capitalismo (2016); ou Los laberintos de la prosperidad (2022).

Participa activamente no debate público como ensaísta e conferenciante. É columnista de El País, La Vanguardia e El Periódico de Cataluña. Ten asesorado a gobernos sobre políticas públicas, foi conselleiro de varias empresas e presidiu o Círculo de Economía de Barcelona entre 2013 e 2016.

É conselleiro nato do Consejo de Estado e, desde 2021, presidente do Consejo Económico y Social de España.