A Real Academia Galega de Ciencias vai celebrar este martes, 6 de febreiro, un debate centrado na investigación e a innovación nos programas electorais. Terá lugar ás 18.30 horas no CiQUS – Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago. Tamén poderá seguirse de xeito on line a través do enlace https://n9.cl/zi259.
O presidente da Academia, Juan Lema, será o encargado de moderar o debate, no que participarán Carmen Pomar do PP, Montse Valcárcel do BNG, Julio Abalde do PsdeG-PSOE e Paulo Carlos López de Sumar. Os representantes de cada partido político presentarán as súas propostas en relación á situación da ciencia en Galicia e, de seguido, iniciarán un debate. No mesmo poderá participar tamén o público asistente -tanto de maneira presencial como en liña-, que terá a oportunidade de formular as súas preguntas e inquedanzas como investigadores e investigadoras.