Abordarase o futuro da carreira investigadora en Galicia
No marco das celebracións da “Noite Galega das Persoas Investigadoras 2023”, que se conmemora o 29 de setembro, a RAGC promove un coloquio-debate baixo o título “O meu futuro nunha carreira investigadora?”. Terá lugar ás 18:00 horas no CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago-.
O encontro reunirá a investigadores mozos e sénior da Universidade de Santiago, que debaterán sobre os retos, atrancos e oportunidades que presenta a investigación na nosa comunidade. Estarán o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e académico da RAGC; Pablo Taboada, director da Escola de Doutoramento da USC; Alberte Regueira, axudante doutor de Enxeñaría Química; Andrea Núñez, investigadora de Filosofía; Stefania Barca, investigadora de Historia Contemporánea; e Javier Dubert, investigador de Microbioloxía e vogal de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación.
A encargada de presentar e moderar o debate será María Loureiro, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e académica da RAGC, coordinadora desta iniciativa. A través desta actividade -dirixida en particular ao estudantado universitario, doutorandos e investigadores novos- búscase incrementar o interese pola investigación e a ciencia, tendo en conta a diminución das vocacións científicas. Nesta liña, e tal como salienta a profesora Loureiro, “resulta moi enriquecedor achegármonos ás experiencias individuais e persoais de investigadores e investigadoras en distintos campos do coñecemento e con distintas vías de entrada na carreira investigadora”.