A Real Academia Galega de Ciencias convoca as “Medallas de Investigación”, galardón que recoñece traxectorias senlleiras en investigación, ao tempo que fomenta a promoción da ciencia e a tecnoloxía en Galicia co fin de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Estas medallas valoran a traxectoria consolidada de científicas e científicos en activo, cuxa actividade se desenvolveu maioritariamente na nosa comunidade.

Outorgaranse cinco medallas de investigación, unha por cada sección da RAGC: Medalla “Ángeles Alvariño González” no ámbito da bioloxía e ciencias da saúde; Medalla “Isidro Parga Pondal” en ciencias técnicas; Medalla “Antonio Casares Rodríguez” no eido da química e xeoloxía; Medalla “Domingo García-Sabell Rivas” no das ciencias económicas e sociais; e a Medalla “Enrique Vidal Abascal” en matemáticas, física e ciencias da computación. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 18 de setembro.

As propostas poderán ser presentadas por dez profesores ou por departamentos, institutos ou centros de investigación galegos, podendo ser avaladas conxuntamente por máis dunha entidade. Incorporaranse ademais as propostas de candidatas e candidatos dos tres anos anteriores. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora, así como un currículo abreviado da candidata ou candidato.

Cada unha das seccións da RAGC proporá tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á Xunta de Goberno da Academia, que valorará tres dimensións: a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas; a capacidade de formación -especialmente de doutoras e doutores- e a creación de liñas de traballo e de escola de investigación; e o impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en proxectos e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional. O premio poderá declarase vacante en calquera das seccións, pero non poderá ser compartido.

As propostas remitiranse por correo electrónico a ragciencias@ragc.gal. As premiadas e premiados recibirán sendas medallas acreditativas, que se entregarán nun acto o 4 de outubro con motivo do Día da Ciencia en Galicia.

CONVOCATORIA

Share This