Son os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, de Xornalismo Científico e de Divulgación Científica 2023, convocados en colaboración coa Xunta
Os gañadores salientaron que estes galardóns son un estímulo para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en beneficio da sociedade galega
A Real Academia Galega de Ciencias celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023; convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia.
O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.
Na súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “a Academia recoñece con estes premios un tipo de investigación de carácter orientado que dá lugar á creación ou mellora de actividades empresariais. Temos tres exemplos moi bos de traballos de investigación que son de interese para transferir ou que xa foron transferidos e espertaron o interese da comunidade científica. Recoñecemos ademais a transferencia á sociedade dos resultados científicos por medio da divulgación tanto xornalística como de divulgadores non profesionais”.
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, destacou o importante papel que desempeña a transferencia de coñecemento na transformación da ciencia excelente que se realiza na nosa Comunidade en competitividade económica e benestar social. Neste senso, puxo en valor o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, impulsado pola Xunta de Galicia dende 2016 para apoiar a chegada ao mercado dos resultados das investigacións realizadas nos centros de coñecemento e no que participaron os tres proxectos premiados. Así mesmo, destacou o rol fundamental que xogan os medios de comunicación e os profesionais da información na sensibilización social cara a ciencia. Finalmente, felicitou tamén ao IES Rosalía de Castro polo seu compromiso no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación da cultura científica entre a sociedade.
Angélica Figueroa: “Seguiremos apostando pola transferencia desta tecnoloxía, co fin de poder axudar aos pacientes con cancro”
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático”, dun equipo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) liderado por Angélica Figueroa.
A investigadora principal agradeceu á Academia este galardón, salientando que “recoñece a nosa aposta por un proxecto enfocado á transferencia de coñecemento á sociedade e parécenos importantísimo que desde as institucións se valore o esforzo nesta dirección. Os premios son sempre unha gran motivación para seguir adiante e seguiremos apostando pola transferencia desta tecnoloxía, co fin de poder axudar aos pacientes con cancro”. O equipo está a desenvolver un fármaco deseñado especificamente contra unha diana terapéutica, a proteína Hakai, co fin de inhibir a progresión e a metástase do cancro de colon. Ademais, aseguran que este fármaco podería desenvolverse para abordar outros tipos de carcinomas.
Unha empresa xurdida da investigación en 2020 que xa conta cun equipo de 20 persoas
O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación en 2020 da spin-off InVerbis Analytics, integrada na actualidade por un equipo de 20 persoas. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas” -explican-.
“Estamos muy agradecidos por este reconocimiento a dos líneas de investigación en Inteligencia Artificial muy consolidadas en nuestro grupo, que tratan temas de gran impacto y actualidad: la minería de procesos y la generación de lenguaje natural. Y estamos también muy satisfechos porque en ambos casos se trata de resultados propios que comenzaron como investigación básica” -manifestou Bugarín-.
Tecnoloxía para optimizar o desenvolvemento de novos fármacos
O premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo grupo para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos.
Unha das fundadoras da empresa, María de la Fuente, salientou que “este premio recoñece o traballo que levamos realizando nos últimos dez anos, nos que desenvolvimos un novo tipo de nanosistemas coa ambición de poder contribuír ao descubrimento de medicamentos innovadores para dar resposta a necesidades médicas non cubertas. Motívanos para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en beneficio da sociedade galega”.
Mila Méndez: “Cómpre dar a coñecer o que se fai nos laboratorios”
Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que foi para a reportaxe “La revolución silenciosa de los informáticos” da xornalista Mila Méndez Otero (Sanxenxo, 1984), publicada en La Voz de Galicia, que aborda a concentración de empresas do sector TIC na Coruña e a súa área de influencia. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros.
Na súa intervención, a galardoada salientou que “é unha honra recibir este premio, que leva o nome dunha das pioneiras da ciencia en Galicia, a coruñesa Celia Brañas. Ela defendeu a dotación de medios para a investigación na nosa comunidade, unha reivindicación que temos que seguir realizando hoxe os medios de comunicación, porque sen ciencia non hai progreso. E, para iso, son imprescindibles os esforzos por dar a coñecer o que se fai nos laboratorios, non só nos das universidades ou institucións científicas, tamén nos do noso tecido produtivo”.
Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe “Explorar el poder curativo de la música” de José Luís Jiménez Díaz (Huelva, 1981), publicada en ABC. Céntrase no proxecto Sensogenomics, desenvolto por un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que estuda o potencial terapéutico da música. O galardoado recibiu 1.000 euros. “Es un orgullo recibir este reconocimiento de la RAGC porque premia una manera de hacer periodismo que en ocasiones no encaja con el ritmo de los tiempos que atraviesa la profesión” -manifestou-.
Premio de Divulgación Científica para o IES Rosalía de Castro de Santiago
Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 foi para o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, como centro pioneiro na realización de actividades de divulgación científica. O seu director, Xavier Mouriño, manifestou que “hai que interesar aos rapaces e rapazas en investigación e ciencia. Este é un premio para o alumnado do centro, que se está a implicar moito, e para o profesorado, que os motiva e esperta a súa curiosidade, pero tamén é un recoñecemento para todos os centros educativos de Galicia que traballan por promover as vocacións científicas”.