A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra promoven a cuarta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, froito dun convenio de colaboración entre as dúas entidades. A través desta iniciativa búscase conectar ao gran público con temas de actualidade científica que teñen unha notable repercusión social e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o importante labor de investigación que se leva a cabo na nosa comunidades en diferentes eidos. Desenvolverase ao longo de maio e xuño.  

A Real Academia Galega de Ciencias puxo en marcha este ciclo no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía. O presidente da RAGC, Juan Lema, manifesta o seu “agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular á súa presidenta, Carmela Silva, pola súa implicación persoal a prol da divulgación científica, colaborando coa Academia como axentes activos”. E sinala que “iniciamos este cuarto ano con moita ilusión, buscando temas con grande alcance social e seleccionando aos mellores expertos e expertas, moi satisfeitos ademais pola resposta da cidadanía”.

Trataranse temas tan diversos como as novas estratexias terapéuticas, o uso de combustibles sostibles ou as comunicacións do futuro

O ciclo constará dun primeiro bloque de seis sesións online dirixidas ao público en xeral, coa participación de oito recoñecidos expertos e expertas que desenvolven o seu labor en Galicia. Abordaranse temáticas tan diversas e actuais como as novas estratexias terapéuticas, a seguridade alimentaria, o uso de combustibles sostibles, as comunicacións do futuro, as aplicacións da intelixencia artificial ou a evolución do cancro.

As primeiras conferencias do ciclo serán o 4 de maio. Concepción González Bello, catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, falará sobre os retos e as novas estratexias terapéuticas fronte ás superbacterias. Pola súa parte, María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e Terapeútica TraslacionaI do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), abordará a nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados co fin de poder dar resposta a necesidades médicas non cubertas.

O 11 de maio intervirá Marta López Cabo, científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, que afondará nas bacterias patóxenas de transmisión alimentaria. Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía, investigador do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC, centrarase nos virus entéricos en moluscos e vexetais como un reto de seguridade alimentaria.

Na xornada do 25 de maio contarase coa participación de Jacobo Porteiro Fresco, catedrático da área de máquinas e motores térmicos da Escola de Enxeñaría Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo. Explicará a importancia dos combustibles sostibles para un futuro descarbonizado.

O 1 de xuño o relator será Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do Vigo Quantum Communication Center da Universidade de Vigo. Achegarase a como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro.

A xornada do 8 de xuño estará dedicada ás aplicacións da Intelixencia Artificial. Ana Freire Veiga, profesora da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, abordará como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental.

A derradeira conferencia deste bloque terá lugar o 15 de xuño, da man de David Posada González, catedrático de Xenética e investigador do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. Falará sobre a evolución das nosas células e por que se producen os tumores.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/-/iv-ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

O ciclo tamén fomenta as vocacións científicas nos centros de ensino

O ciclo consta dun segundo bloque de conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, que se celebrarán entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas. Impartiranas recoñecidas investigadoras galegas, que abordarán temas moi atractivos para a rapazada.

Ver PROGRAMA

Share This