A Academia destaca “a súa contribución ao cambio económico e social en Galicia e España”
Será o científico homenaxeado no “Día da Ciencia en Galicia”, que este ano se celebrará o 4 de outubro
A Real Academia Galega de Ciencias elixiu ao economista Manuel Colmeiro y Penido como “Científico Galego do Ano”, converténdose no primeiro científico social que recibe esta distinción da Academia. A institución destaca que “non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”.Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 4 de outubro no marco do “Día da Ciencia en Galicia”, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade.
Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.
Desde a RAGC destacan que “tras case dous séculos, boa parte das análises de Colmeiro seguen a ser útiles para a comprensión da época na que viviu e, en moitos casos, as súas observacións e razoamentos conservan toda a súa validez. O estilo da súa aproximación á problemática económica é sorprendentemente moderno e equilibrado, inspirado por unha positiva conciencia social”.
Defensor da abolición do sistema foral no campo galego
A finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.
En 1843, aos 24 anos, publica “Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la extremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia”, na que aborda dous temas fundamentais sobre a propiedade agraria, o minifundio e o sistema foral. Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. Non é ata 30 anos mais tarde que se publica a primeira lei de redención de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.
Un gran científico social que buscaba “el bienestar tan general como fuere posible”
Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. No ámbito da Economía, a súa primeira gran obra foi o “Tratado elemental de economía política ecléctica” (1845), que lle aportou unha excelente reputación nos círculos que discutían sobre a natureza e remedio dos males do país. Esta publicación supón unha aberta defensa do eclecticismo, entendido como un distanciamento crítico tanto co materialismo da vella economía política, como coas novas correntes socialistas e reformadoras.
Ao longo da década de 1850-1860 achegouse aos postulados da Escola Economista española e emprende unha orientación liberal, que mantería ao longo da súa vida. O seu novo enfoque dos problemas económicos levouno a publicar a súa obra máis sólida, “Principios de Economía Política”. Nela defendeu a conveniencia de amosarse prudente e gradualista na aplicación dos criterios xerais á política económica, tanto en asuntos monetarios como arancelarios.
Colmeiro anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.
Destacado activista social, foi deputado, senador, conselleiro de Estado e fiscal do Tribunal Supremo
Amosou unha gran dedicación respecto dos asuntos económicos. A súa presenza nas institucións, academias e círculos que integraban a vida cultural e política española foi considerable, brindándolle múltiples oportunidades de analizar e debater propostas de reformas para encarar os profundos cambios económicos e sociais derivados da crise do Antigo Réxime, a construción dunha nova economía e a necesidade de posicionar España ante a industrialización europea.
Foi membro fundador e copresidente da Sociedade Libre de Economía Política, membro da xunta directiva da Asociación para a Reforma dos Aranceis de Aduanas, relator do Real Consello de Instrución Pública, presidente da Xunta Consultora do Instituto Xeográfico e Estatístico, vogal da Xunta de Reforma do Código de Comercio, deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas desde 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.
Distincións e recoñecementos
Foi socio numerario da Real Academia de Historia, socio fundador da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. No ámbito internacional, foi membro da Real Academia de Ciencias e Belas Artes de Bélxica, da Real Academia dos Linces de Roma, do Instituto Imperial de Francia e do Instituto de Xenebra. Ademais, foi profesor honorario das Universidades de Cracovia e de Charcov.
Entre as súas distincións, foi condecorado como Comendador ordinario da Real Orde de Carlos III, Cabaleiro Gran Cruz da Orde Civil de María Vitoria, Gran Cruz da Real Orde de Isabel a Católica. En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.