Martín Sarmiento foi o primeiro estudoso da natureza de Galicia. Por iso, o naturalista Rafael Loureiro iniciou unha campaña para declarar que o día do nacemento de Sarmiento, o 9 de marzo, sexa o Día do Naturalismo Galego. “É unha vindicación do naturalismo galego, das persoas que levan moitos anos estudando e traballando en prol do noso medio, pero tamén para dar a coñecer a obra de Martín Sarmiento”, asegurou Loureiro no acto de presentación.
Juan Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias, e mais os representantes de diferentes entidades de ciencias e humanidades participaron no acto de presentación da iniciativa no Consello da Cultura Galega.
“O Padre Sarmiento valoraba a natureza e era consciente da importancia que posuían os seus coñecementos científicos para a saúde pública e para o comercio. Así nolo deixou testemuñado nos seus escritos, moitos aínda inéditos, que destilan unha erudición infinita, non exenta dunha enorme capacidade de observación, análise e síntese. Ciencia de calidade nuns tempos difíciles”, explicou Rafael Loureiro na presentación.
É unha proposta civil que busca que todas as entidades que se sumen ao recoñecemento programen e organicen actividades. Agárdase así que o 9 de marzo, como o Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos.
A proposta do natalicio de Martín Sarmiento como o Día do Naturalismo Galego sumou numerosos apoios tanto no ámbito das ciencias como das humanidades, no que é máis coñecido o labor do erudito. Á presentación asistiron representantes de Adega, da Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Naturalista Hábitat, de Verdegaia e da Federación Ecoloxista Galega, como mostra do apoio a este recoñecemento. Nas súas intervencións destacaron a importancia desta iniciativa conxunta para poñer en valor o naturalismo en Galicia a partir da figura de Sarmiento, así como a necesidade de concienciar e mellorar a educación ambiental do país.