A Federación de Sociedades Españolas de Oncoloxía (FESEO) acaba de elixir como presidente ao Dr. Xosé R. Bustelo, posto que exercerá durante o bienio 2023-2024. O Dr. Bustelo é actualmente Profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coordinador do Programa Científico de Mecanismos do Cancro do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Cancro (CIBERONC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro (CIC) de Salamanca. A súa formación previa inclúe o doutoramento pola Universidade de Santiago de Compostela (1990) e un período postdoutoral no Bristol-Myers Squibb Pharmaceutical Research Institute (EEUU) durante o período 1990-1996. Tras iso ocupou xa como investigador principal os postos de Profesor Asistente no Departamento de Patoloxía da State University of New York at Stony Brook (1996-2000) e de Científico Titular (1999-2004) e Investigador Científico (2004-2005) do CSIC no CIC de Salamanca.
A traxectoria científica do Dr. Bustelo até este momento conta con 168 artigos científicos e seis patentes. O seu traballo foi galardoado en varios premios científicos nacionais e internacionais. Actualmente combina o seu labor científico coa vicedirección do CIC de Salamanca, a participación no comité de dirección do CIBER en cancro, así como en diversos comités científicos de institutos de investigación sanitaria, centros de investigación e fundacións científicas. Foi tamén presidente da ASEICA e nestes intres ostenta o posto de presidente do seu Senado consultivo.
En opinión do Dr. Bustelo, “é toda unha honra representar a unha Federación que agrupa a todos os profesionais da oncoloxía, independentemente de que se dediquen á investigación, á clínica ou ao diagnóstico. Esta multidisciplinaridade dános unha oportunidade única para impulsar demandas comúns de todos os oncólogos e oncólogas e para establecer sinerxías entre os profesionais deste ámbito; sempre coa meta de afrontar cun maior éxito o diagnóstico, tratamento e calidade de vida dos pacientes con cancro”.
A FESEO foi creada hai 36 anos co fin de aglutinar baixo un paraugas común ás cinco sociedades españolas de Oncoloxía: a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA) e as Sociedades Españolas de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátricas (SEHOP); de Oncoloxía Médica (SEOM), de Oncoloxía Cirúrxica (SEOQ) e a de Oncoloxía Radioterápica (SEOR). Na actualidade representa a máis de 6000 profesionais de todas as ramas da oncoloxía española, entre os que se inclúen todos os investigadores líderes do país nesta patoloxía.