Recoñecen o labor de investigadores sénior e mozos da nosa comunidade
A Real Academia Galega de Ciencias acaba de fallar os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022. Están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais -todas elas integradas na RAGC-.
Nesta 32ª edición presentáronse un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior, dotado con 6.000 euros; e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos e mozas investigadoras menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios entregaranse nun acto que se vai celebrar o vindeiro 1 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.
Premio para un traballo publicado na revista Science en colaboración con IBM
O proxecto premiado na modalidade de investigadores sénior foi para o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto a investigadores de IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña). Lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. Para iso o equipo de IBM en Zúric desenvolveu un sofisticado microscopio de última xeración, que traballa a unha temperatura de 270 graos baixo cero, capaz de concentrarse nunha única molécula dunha millonésima de milímetro e de modificar as súas ligazóns mediante pulsos eléctricos.
O avance, que foi portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria. “Desde o século XIX os químicos tentamos cambiar a conectividade entre os átomos nas moléculas para obter novas funcionalidades. A novidade é que agora podémolo facer de forma extremadamente precisa e sobre moléculas individuais, coma se dispuxésemos de pinzas nanométricas do tamaño das moléculas. Non só controlamos que ligazóns se forman, ademais facémolo de xeito reversible” -explica o investigador-.
“A RAGC é a institución de referencia en relación coa ciencia en Galicia. Que os académicos destaquen o noso traballo é unha honra, especialmente porque se trata do resultado de dez anos de traballo de colaboración entre o CiQUS e IBM, nun campo emerxente na fronteira entre dúas disciplinas clásicas como son a química orgánica e a física de superficies. Este premio sérvenos como un sensacional acicate para continuar explorando esta liña de investigación un tanto heterodoxa, pero con moito impacto” -salienta o investigador-.
Marcos Fernández: “A desinformación vencellada á saúde nos medios online pode provocar danos persoais”
O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos foi para un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. “A nova era dos medios dixitais mellorou o acceso á información, pero esta non sempre é fiable, precisa ou de boa calidade, o que conduce a que os usuarios tomen decisións erróneas. E isto é especialmente crítico cando nos referimos a persoas buscando información sobre saúde, por exemplo consello médico, xa que pode provocar danos persoais” -indica o investigador-.
O equipo desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles. O traballo foi publicado en 2022 na revista Engineering Applications of Artificial Intelligence. O marco experimental do mesmo foi a Text Retrieval Conference, congreso de referencia mundial na avaliación de sistemas de busca organizado en forma de competición con múltiples retos, promovido polo National Institute of Standards and Technologies e o Departamento de Defensa dos EEUU.
“Sentímonos especialmente orgullosos de ter recibido este premio porque adoita recaer en traballos máis vencellados coa ciencia e é un xeito de recoñecer a investigación que se fai no eido das novas tecnoloxías, neste caso a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial e de procesamento da linguaxe natural á resolución dun problema que nos afecta a todos” -apunta o investigador-.
Creación de arrecifes artificiais con cunchas de ostras para recuperar as rías
A Academia concedeu unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (Universidade da Coruña).
“A recuperación dos ecosistemas mariños das rías mediante o emprego de arrecifes artificiais representa unha oportunidade prometedora para un dos principais piares socioeconómicos de Galicia. Por outro lado, a nosa comunidade ten unha importante produción de moluscos bivalvos, cuxo proceso de depuración xera residuos previos debido á mortalidade de individuos durante o transporte e almacenamento, así como nas fases propias de eliminación e separación de contaminantes” -explica Carral-. Así, propoñen a conversión destes residuos (cunchas, principalmente de ostras, polo seu elevado contido en calcita) en materias primas para a produción de arrecifes artificiais. Estes arrecifes verdes terán como obxectivo mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, co fin de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.
“Para nós este recoñecemento é moi importante. Queremos transmitir á sociedade o que facemos porque é de interese común. En Galicia moita xente vive das rías e este proxecto vai axudar ao seu mantemento” -declara o investigador-.
Un estudo sobre os motivos da poboación para rexeitar o uso da auga reciclada
A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso da auga reciclada. Os autores, coordinados por Sergio Vila, desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.
O estudo analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso de auga reciclada (auga residual tratada) como solución á escaseza deste recurso, o que levou á cancelación de moitos proxectos pola falta de aceptación pública. Proponse un modelo destinado a entender os factores psicolóxicos implicados na aceptación ou rexeitamento. Tal como explican os investigadores, “trátase do primeiro modelo que considera conxuntamente o diagnóstico da situación ambiental -percepción da ameaza que supón a escaseza de auga e a atribución de responsabilidade sobre a orixe e evolución do problema-, a influencia axiolóxica -obriga moral de actuar segundo o que un considera correcto- e percepción da auga reciclada -riscos para a saúde, custos e beneficios percibidos-.
O modelo probouse cunha mostra de 726 participantes de Galicia e Murcia. Segundo os resultados, a poboación acepta o uso da auga reciclada cando percibe que non hai riscos para a saúde porque confían na ciencia, cando considera que é unha obriga moral facer fronte aos problemas ambientais como a escaseza de auga e cando percibe que os beneficios ambientais son máis altos que os custos económicos.
“Este recoñecemento é moi relevante para o noso grupo porque sitúa á Psicoloxía no centro dun cambio importante para o conxunto da sociedade, neste caso a promoción dunha tecnoloxía sostible. Calquera cambio social require que se teña en conta a conduta das persoas, cómpre incorporar á cidadanía na toma de decisións” -manifesta o investigador-.