A académica da RAG Marisol Soengas foi nomeada filla predilecta da súa vila natal, Agolada, por acordo unánime do Concello, a proposta da Asociación “Bico da Balouta”. No transcurso do evento, a homenaxeada salientou: “Son a primeira pero axiña haberá máis fillas predilectas”.
A microbióloga está á fronte do Grupo Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) e é membro da Real Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia de Farmacia de España. Forma parte da prestixiosa European Molecular Biology Organization (EMBO) como experta internacional na investigación básica e aplicada do melanoma.
Os seus traballos téñense publicado en revistas científicas de gran prestixio como Nature, Cell, Cancer Cell, Science ou Nature Medicine, entre outras. Ademais, recibiu numerosos recoñecementos como o Premio Executivas de Galicia 2017 ou a Placa de Honra 2018 da Asociación Española de Científicos. En 2019 era recoñecida coa Medalla Fritz Anders da European Society for Pigment Cell Research. En 2021 foi elixida vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA) e recibiu o premio Carmen e Severo Ochoa polos seus méritos na investigación en Bioloxía Molecular.