A académica da RAG María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora principal do grupo Nanomedicine and Drug Delivery do CiMUS, foi galardoada nos Premios ASEICA 2022, que outorga a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), na súa categoría de “Muller e Ciencia”. O Premio ASEICA-Mujer recoñece a profesionais que se destacan como referentes na visualización, promoción e impulso de mulleres científicas no campo da oncoloxía.
“María José Alonso é un referente do perfil de investigadoras forxadas a si mesmas, que chegaron ás cotas máis altas de recoñecemento internacional impulsando no seu camiño ao talento novo, particularmente a mulleres científicas”, sinalou a tamén académica Marisol Soengas, vicepresidenta da asociación e responsable de ASEICA-Mujer.
Alonso é pioneira no campo da nanomedicina, onde realizou numerosos descubrimentos que a levaron ao “top ten” en Farmacoloxía e a integrar ‘The Power List’ dos investigadores máis influentes no campo de compostos biofarmacéuticos. Ten coordinado varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea, participando en numerosos proxectos internacionais. É autora de máis de 300 contribucións científicas con máis de 34.000 citas e inventora de 22 familias de patentes.
A investigadora indicou que se sente “moi comprometida co desenvolvemento científico e profesional das mulleres, como así o demostra o feito de que comigo se formaron 30 mulleres doutoras e sempre me rodeei de mulleres en todos os cargos que ocupei”.