O académico da RAGC Ángel Carracedo vén de recibir o premio Otero Pedrayo 2022, promovido pola Xunta de Galicia e as catro Deputacións provinciais. É a primeira vez que este galardón recoñece unha carreira centrada na investigación médica e científica.
No transcurso do acto, Carracedo fixo referencia ao papel da ciencia e á importancia de achegala ao conxunto da sociedade. O xurado destacou o seu currículo científico e a súa excelente traxectoria profesional, así como a súa defensa do galego como lingua de divulgación científica.
Investigador e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo é director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII. Ademais, dirixe o Instituto de Medicina Legal da USC, ocupa a vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a presidencia da International Society for Forensic Genetics.