No transcurso do evento entregaranse as Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC
Ademais, o Consello da Cultura Galega presentará un libro sobre o homenaxeado e colocarase unha placa conmemorativa no compostelán Parque das Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conmemora o Día da Ciencia en Galicia o vindeiro 6 de outubro. Celebrará un acto central en Santiago, no Salón Nobre de Fonseca, en homenaxe a Juan Rof Codina, nomeado como “Científico Galego do Ano” pola Academia por ser o impulsor da veterinaria en Galicia e España. A RAGC valora a súa contribución á modernización do sector agropecuario galego e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros da nosa comunidade.
Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967) foi destinado a Lugo no ano 1898 como tenente veterinario militar e é na cidade lucense onde nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando en dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.
Durante o evento impartirá unha conferencia en torno á figura do homenaxeado Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, experto na historia das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, e autor de varios traballos sobre Rof Codina. Ademais, no transcurso do acto proxectarase un vídeo centrado na súa traxectoria vital e profesional. En representación da familia estará un dos seus netos, José María Sancho Rof, que foi xefe do Servizo de Endocrinoloxía do Hospital Ramón y Cajal de Madrid.
No mesmo acto farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. Os científicos/as distinguidos este ano son Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez, Mª Ángeles Sanromán Braga, Jorge Mira Pérez e Isabel Pastoriza Santos.
Este evento terá lugar durante a tarde. Pola mañá, o Consello da Cultura Galega presentará unha publicación de autoría colectiva sobre Rof Codina. De seguido, coa colaboración do Concello de Santiago, colocarase unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle).
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando a vida e actividades das personalidades que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento científico na nosa comunidade.
O evento da tarde retransmitirase a través da canle de YouTube da RAGC: